A Gárgola no Rural: Un Mundo de Música, Arte, Teatro e Tradición

Sábado Xullo 27, 2024

1. Este é un proxecto social de creación contemporánea que se basea na cultura e tradición propias, cunha proposta que busca estimular a actividade cultural a través da realización dun produto multidisciplinar. O obxectivo é proporcionar un espazo para que as persoas, asociacións e colectivos participantes poidan manifestar as súas inquedanzas artísticas e sociais e expoñelas diante do público, contribuíndo así á súa educación integral.

Nesta educación integral, os valores xogan un papel fundamental. Os valores que se desexa potenciar neste proxecto agrúpanse no concepto de igualdade de dereitos e oportunidades, que implica valores como a xustiza, a amizade, a cooperación, o coidado do medio ambiente, a responsabilidade, o compañeirismo e a tolerancia. Estes son estimulados e fomentados a través da música, a danza, o teatro e a participación colectiva.

O proxecto achega ao público familiar ao teatro a través do vínculo coa música e a danza tradicional, así como outras manifestacións parateatrais Todo isto preséntase nun espectáculo profesional que combina diversas áreas e disciplinas.

Ponse tamén en valor a identidade local e o patrimonio cultural, xa que as agrupacións participantes, ademais de compartir as súas danzas e música, achegan os instrumentos e as vestimentas tradicionais. Deste xeito, o espectáculo convértese nun escaparate que enaltece e pon en valor a riqueza dos tecidos, os traxes e os adobíos, elementos imprescindibles do patrimonio material e etnográfico de cada localidade.

Por último, despois das representacións, levarase a cabo un coloquio co público co obxectivo de compartir e seguir recollendo as diferentes manifestacións do patrimonio inmaterial, os coñecementos e as experiencias da veciñanza de cada un dos lugares.

2. As diferentes accións foron concibidas coa intención de xerar estímulos nos diferentes eidos que conforman o panorama cultural e social e empregando o teatro como ferramenta de cohesión entre a educación, a cultura e as organizacións sociais existentes na comunidade.

O desenvolvemento do proxecto tamén contribúe á creación de emprego estábel e supón unha mellora no mapa de axentes culturais do territorio do que fai parte, debido non só a que a compañía contratará a profesionais para o desenvolvemento do proxecto coa intención de que pasen a formar parte do equipo de maneira estable, senón tamén a que o profesorado que impartirá os cursos de danzas e música serán persoas vinculadas cos propios grupos e/ou coa veciñanza dos municipios nos que se levará a cabo o proxecto, fomentando que continúen coa actividade unha vez rematado este. 

Amais, daremos especial importancia a acadar un equipo paritario no que as mulleres supoñan máis do 50% do mesmo, polo que a hora de levar a cabo a contratación usaremos criterios de discriminación positiva e deste xeito poñer en valor o traballo feminino do sector. 

Como queda dito, buscamos con esta proposta sobre todo fomentar a implicación directa da propia comunidade, facendo partícipes do espectáculo aos membros da agrupación de música tradicional e folclore local, así como aos grupos de teatro e a outras asociacións culturais, provocando e facilitando a participación activa no mesmo e animando a veciñanza a involucrarse actividade cultural e social.

Precisamente coa participación e implicación das diferentes asociacións e colectivos na coordinación e promoción, no desenvolvemento dos diferentes cursos e tamén na súa intervención dentro do espectáculo, estimulase e promóvese a creación, o regreso e/ou o crecemento da actividade cultural do municipio.

3. Con este proxecto procuramos que o público se achegue ao teatro a través do vínculo coa música tradicional e unindo o tecido social ao transformar a veciñanza en protagonista activa e non só en espectadora da actividade.

Ademais, na temática do espectáculo, a personaxe principal da obra, acompañante da Gárgola, fomenta a igualdade de xénero dende o punto de vista dunha rapaza que fai o Camiño de Santiago na época medieval superando todas as dificultades que supoñen ser muller nun tempo e espazo que non lle son favorables en cuestión de xénero. En canto as actividades, escolléronse accións que promovan a igualdade de xénero, como as danzas medievais onde o compoñente coreográfico corrixe o artificial mandato do home-guía que goberna o folclore sexista.

Todos os cursos (danza, melodías e construción de xigantes) están deseñados e coordinados por “A Xanela do Maxín” e estarán dirixidos especialmente á mocidade. Serán impartidos por docentes cualificados en contacto directo cos grupos, colectivos e escolas locais locais, concluíndo coa súa participación no propio espectáculo. 

Por outra banda, o cartel de cada actuación será creado polo alumnado dos centros educativos deses mesmos municipios, co obxectivo de estimular dende a infancia a colaboración en proxectos culturais e involucrándoos ao mesmo tempo no proxecto. Ademais, nos colexios participantes realizaremos un acto de entrega de premios acompañado dunha actuación da compañía.

4. Case todas as manifestacións culturais que pertencen ao patrimonio inmaterial do pobo conserváronse grazas á xente do rural. Son moitos os grupos folclóricos no eido urbano que conservan esa tradición, paradoxicamente, agora perdida en moitas zonas rurais.

A GÁRGOLA NO RURAL. UN MUNDO DE MÚSICA, ARTE, TEATRO E TRADICIÓN é un espectáculo que pretende devolver parte da súa memoria esquecida: as cantigas, os bailes, os retrousos, as lúas para sementar, os ventos para colleitar e toda a tradición agraria.

Así mesmo, o proxecto reúne a creadoras e artistas de diversa índole: Bailadoras, músicos, actrices, técnicas, escenografía, iluminación, coreografías, títeres… artistas do rural e tamén procedentes de grandes cidades que, xunto coa gran variedade de disciplinas que manexan, crean unha enorme diversidade. Co equipo formado por estas profesionais e as persoas afeccionadas dos diferentes lugares nos que se vai intervir, crearemos un espectáculo que mestura o profano co relixioso, a tradición coa modernidade e por suposto tamén o urbano co rural.

5. Tamén temos moi presentes os obxectivos de desenvolvemento sustentable, de feito a propia temática do espectáculo avoga polo consumo de produtos locais, a reciclaxe e a reutilización no rural, compostaxe, cultivo de alimentos propios, consumo de produtos de proximidade, sostibilidade, etc.

Por outra banda, na construción dos xigantes do obradoiro dedicado a tal fin, utilizaranse tamén materiais reciclados, tinguiduras orgánicas, etc, coa fin de concienciar sobre a sustentabilidade nos procesos de creación.

E finalmente para a distribución dos carteis gañadores do concurso que propoñemos, utilizaranse maiormente o formato dixital para evitar o exceso de impresións en papel e, nos casos puntuais que se precise dita impresión, sempre con medios reciclados, informando ao público sobre esta cuestión para lograr unha maior concienciación.